Sunday 19 de May de 2024

Galicia presenta un total de 117 praias como candidatas a optar á Bandeira Azul en 2024


— É a terceira comunidade autónoma que máis areais propuxo no marco da edición deste ano, con 40 na provincia da Coruña, 16 na de Lugo e 61 en Pontevedra

— Belén do Campo pon en valor o esforzo realizado polos concellos galegos para participar neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas costas para lucir o próximo verán o maior número de distintivos azuis

Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul ,2024 a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior.

Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.
Tal e como explicou a directora xeral, con 117 praias propostas, Galicia é a terceira autonomía que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 154 e 152 praias, respectivamente.
Neste sentido e aínda que haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados, Belén do Campo amosou a súa confianza en que Galicia volva estar en 2024 entre as comunidades ao fronte da clasificación das bandeiras azuis, que son, dixo, un “reclamo turístico innegable” xa que permiten facer das costas un destino atractivo ao tempo que dinamizan a economía e o emprego en todos os sectores vencellados ao turismo.
Por iso, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o esforzo realizado polas administracións locais para participar cada ano neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas praias co obxectivo de poder lucir o maior número de distintivos azuis posible.
Nese sentido, a representante da Xunta desexou que os 35 concellos galegos que este ano presentaron algunha candidatura —15 da provincia da Coruña, 8 da de Lugo e 12 da de Pontevedra— se vexa recompensado cun distintivo para o 100% das súas praias, que deberán acreditar unha calidade das augas excelente, unhas boas condicións de seguridade, servizos e accesibilidade, así como unha atinada xestión medioambiental.
Cómpre lembrar que Galicia ocupa desde hai anos un dos primeiros postos da clasificación a nivel nacional en canto a número de distintivos azuis recibidos, con 174 na edición de 2023 entre praias, rutas, portos deportivos e centros de visitantes.
De feito e tras darse a coñecer xa a relación de sendeiros azuis do ano 2024, a Comunidade acaba de consolidarse como líder absoluto nesta categoría, con 49 rutas galardoadas e superando en 14 os itinerarios que foran recoñecidos en 2023.